![]()
VILAGARCÍA > A Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride,e a alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García, asinaron esta mañá o convenio …
… polo que o organismo autonómico se compromete a investir dous millóns tres centos cincuenta mil euros na construción das beirarrúas, aparcadoiros e servizos urbanos nas parroquias vilagarciás de Bamio, Cornazo e Solobeira. Unha mellora, a destas estradas provincias, moi desexada polos veciños e tamén polo concello de Vilagarcía.
Segundo o convenio asinado hoxe, a Consellería de Política Territorial terá que redactar os proxectos técnicos, financiar a obra e contratar e executar os traballos entre este e o vindeiro ano. Mentres que o concello deberá obter os permisos e licencias e asumir a titularidade e posterior mantemento da actuación.
Pero hoxe a Conselleira de Política Territorial tamén quixo aproveitar o encontro para recordar tódolos investimentos que o seu departamento está a facer no concello e na comarca da Arousa. Unhas actuacións que supoñen un custe superior ós 235 millóns de euros, e que comprenden a construción da variante Norte de Vilagarcía, a autovía do Salnés, as dúas conexións entre o ramal da vía do Salnés e a AP-9 co novo acceso ó Porto de Vilagarcía, obra esta última dependente do Ministerio de Fomento.
María Xosé Caride tamén falou hoxe do proxecto da Autovía que unirá Pontevedra con Vilagarcía. Un deseño no que está a traballar o consellería co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguridade viaria da comarca e tódolos galegos.
Redacción Salnés










