O pósito rianxeiro segue a traballar na mellora das vendas

    RIANXO> Grazas á consecución da marca Pescaderías o pósito rianxeiro espera revalorizar os produtos cos que traballan a diario. Nada máis poñer pé na confraría rianxeira, unha das primeira medidas tomadas polo actual patrón maior e o seu equipo foi o de contratar unha comercial de cara a incrementar a cifra de compradores que a diario operan na lonxa. Logrado este primeiro paso, os dirixentes do pósito pretenden ir introducindo novos proxectos de cara a mellorar as vendas e así garantir maiores ingresos para os seus asociados. É o caso da consecución da marca PescadeRías a través da cal pretenden incrementar o valor dos produtos do bou de vara, como é o caso da nécora ou a volandeira. Aínda así os proxectos da nova xunta directiva son máis ambiciosos. Neste sentido están a estudar tamén a posibilidade de abrir un punto de venda directo en mercados importantes de ámbito nacional como é o caso de Madrid ou Barcelona, coa finalidade de dar a coñecer alí o seu produto e conseguir un rendemento máis alto.