Emotiva homenaxe do pobo rianxeiro a Castelao

    RIANXO > O concello de Rianxo tributoulle esta pasada fin de semana unha emotiva homenaxe a un dos seus fillos ilustres, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o día no que se conmemoraba o 120 aniversario do seu nacemento. O domingo desenvolveuse unha sesión plenaria con carácter extraordinario na que se acordou pedirlle á Xunta a declaración de Ben de Interese Cultural as casas de Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste.

    O encargado de dar lectura á proposta foi o propio alcalde, Pedro Piñeiro, que lembrou que transcorridos cinco anos dende aquela e a pesar das diversas xestións realizadas a tal declaración segue sen producirse.

    Segundo o rexedor rianxeiro, Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio foron tres persoeiros ilustres da cultura galega polo que a recuperación das súas respectivas casas orixinais constitúe unha aportación importante ó patrimonio material e inmaterial de Galicia.

    Por esta razón a Corporación Municipal de Rianxo acordou ratificar un acordo tomado xa no ano 1999 solicitándolle a Xunta de Galicia que se declare Ben de Interese Cultural de Galicia as casas de Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste.

    Despois do pleno a comitiva desprazouse dende a casa do concello ata a Paseo da Ribeira, onde se realizou a tradicional ofrenda floral a cargo do alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, e o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, coa interpretación ó fondo da marcha do antigo reino de Galicia.

    Alí mesmo, diante do busto de Castelao, Avelino Pousa Antelo, deu lectura a unha carta remitida hai uns días pola Conselleira de Cultura Ánxela Bugallo na que lle manifestaba a intención da Xunta de traballar para que as tres casas dos escritores nados en Rianxo pasasen a ser patrimonio público.

    Aínda así os actos en homenaxe a Castelao no 120 aniverario do seu nacemento iniciáronse xa o sábado coa presentación do Foro da Memoria Literaria, unha entidade que vén de crearse para recupera-la memoria dos vencidos durante a Guerra Civil Española.O acto contou coa presenza do Conselleiro da Presidencia,  Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luís Méndez Romeu.

    Intelectuais galegos veñen de constituir en Rianxo o Foro da Memoria Literaria co fin de reescribi-la historia dos galegos vencidos durante a Guerra Civil Española, non só do acontecido durante a batalla senón tamén durante a represión dos 40 anos de franquismo.

    O seu primeiro paso foi presentar en Rianxo o grupo de traballo Biblioteca do 36.Foi precisamente un dos seus promotores, o profesor Xesús Alonso Montero o que explicou as características do proxecto.

    Entre as accións que levará acabo o Foro da Memoria Literaria estará a realización dun volume no que se recollen as cartas que escribiron as persoas que foron condenadas a morte no 1936, a maioría delas inéditas.

    O profesor Xosé Luís Axeitos outro dos promotores desta iniciativa explicou tamén que o foro nace como unha invitación de todos cara a reflexión.

    O acto contou tamén coa presenza do Conselleiro da Presidencia,  Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luís Méndez Romeu, que se comprometeua apoiar economicamente o proxecto.

    Redacción Barbanza