A falla de planificación volve colapsar as Urxencias do Barbanza

    BARBANZA> A CIG denuncia a falla de planificación nas Urxencias do Hospital do Barbanza. Cada ano, coincidindo co pico de maior incidencia de certas patoloxías, repítese a mesma situación. O servizo colapsase e o hospital non dispón de camas suficientes para o ingreso dos pacientes. Non é unha situación nova. Sen embargo, a falla de planificación fai que, segundo denuncia a CIG, cada ano se repita o mesmo problema de saturación en Urxencias. Os pacientes amoréanse neste servizos; moitos deles, á espera dun ingreso en planta que se dificulta pola escaseza de camas do hospital con apenas oitenta para atender a unha poboación de sesenta e cinco mil habitantes. Así as cousas moitos teñen que ser derivados a Santiago e outros permanecer ingresados en Urxencias á espera de contar cunha praza en hospitalización. Á espera de que a tan demandada e anunciada ampliación do servizo de Urxencias se materialice, os sindicatos apelan a unha maior planificación da xestión para garantir unha calidade asistencial tanto ós enfermos de urxencias como ós de planta. Inciden ademais en que o principal problema non reside na falla de espazo en urxencias senón na escaseza de camas polo que sería preciso abordar a necesidade da ampliación do servizo de hospitalización.