O Entroido máis ‘british’ volve a Vilagarcía

    VILAGARCÍA> Vilagarcía recuperará este Entroido o Sábado Inglés. Pero non só esa peculiar noite. A celebración intentará estenderse coa fin de multiplicar os atractivos carnavalescos e conseguir que máis xente se achegue á cidade estes días. É o plan que se trazou esta mañá na reunión que mantiveron concello, asociación de hostaleiros e comerciantes de Zona Aberta. Sobre a creación do órgano municipal de promoción turística, avaliaron algunhas fórmulas para crealo, aínda que o tema se aprazou á unha nova xuntanza a próxima semana.

     

    En Vilagarcía urxe vestirse de Entroido, por iso na reunión mantida esta mañá entre concello, Asociación de Hosteleiros e comerciantes de Zona Aberta, aínda que o tema era tratar as fórmulas legais que adoptar para crear un órgano municipal de promoción do Turismo, o Carnaval acabou acaparando as olladas. O calendario corre, e comerciantes e hostaleiros queren dar prioridade a esta celebración.

     

    E é que en Vilagarcía non queren deixar a oportunidade de converter o Entroido nun atractivo turístico máis da vila. E como incentivo: a entrega de premios e espectáculos novidosos.

     

     

    Nesta reunión tamén se atopou un anaco para conversar sobre o órgano municipal de xestión e promoción turística. Están aínda dando voltas á fórmula legal definitiva que deberá adoptar, pero a intención é poñelo en marcha o antes posible. Potenciar o turismo é unha materia pendente na cidade. E non queren deixar pasar máis tempo sen tomar medidas, pois achégase Semana Santa e o verán e hai que potenciar os atractivos da cidade.