O PSOE denuncia irregularidades nos procesos de contratación do centro de día

    LOUSAME> O PSOE de Lousame denuncia irregularidades no proceso de contratación de persoal para o centro de día. Ademais dos erros na publicación das bases, consideran que a puntuación de méritos non se axusta ós requisitos que deberían reunir os profesionais deste servizo. A agrupación socialista de Lousame recolleu as queixas dalgúns candidatos que denuncian presuntas irregularidades nos procesos de contratación de persoal para o centro de día. Na actualidade, está aberta a convocatoria para cubrir dúas prazas de xerocultor e terapeuta ocupacional, que segue adiante a pesar de terse presentado unha impugnación. Ademais de detectar erros na publicación das bases e nos prazos para a presentacións das instancias, os socialistas denuncian que se valore como mérito con maior puntuación estar en posesión do carné BTP que permite conducir taxis, ambulancias e transportes escolares. Non é este o único proceso que xera dúbidas entre os representantes socialistas. Denuncian tamén a existencia de irregularidades en convocatorias anteriores ás que se lles denegou o acceso ós candidatos que non posuían o carné de manipulador de alimentos, cando esta norma xa non estaba en vigor. Á espera de que se resolva a impugnación, o proceso segue adiante e mañá está previsto que dea comezo a fase de entrevista. Os socialistas non descartan a presentación de novas impugnación tanto dende a agrupación como dos propios candidatos que optan a estas prazas.