‘ENCE fóra da ría para sempre’

PONTEVEDRA> Os recursos contra a prórroga de ENCE terán que presentarse na Audiencia Nacional. A este tribunal remite o Ministerio de Medio Ambiente na súa resolución que non é firme, e da un prazo de dous meses para interpor un recurso contencioso-administrativo. O documento, dado a coñecer hoxe, rexeita as alegacións do goberno municipal, e dá a ENCE un prazo de seis meses para arrancar os investimentos comprometidos que, ademais, terán que rematarse en dous anos. O concello está determinado a non abandonar a loita contra a pasteira. Dende esta mañá, a casa consistorial da Praza de España loce o lema “ENCE fóra da ría para sempre”.

Trala decepción que supuxo a concesión da prórroga a ENCE na ría de Pontevedra, o concello comeza o contraataque. A Casa Consistorial da Praza de España loce dende esta mañá unha pancarta cunha clara declaración de intencións: “Ence fóra da ría para sempre”.

A oposición a ENCE é a postura maioritaria na corporación pontevedresa. Nesta loita, o BNG conta co apoio de PSOE e Marea, que hoxe tamén asistiron ao acto, e que aseguran que deste xeito están a cumprir o mandado electoral dos seus votantes.

As tres forzas tamén presentarán fronte común na manifestación prevista para mañá. Sairá ás 8 e media da praza da Ferrería e se espera unha participación masiva dos veciños para rexeitar que ENCE se manteña 60 anos máis na ría de Pontevedra.

Xa onte ao redor de duascentas persoas saíron á rúa para expresar o seu rexeitamento á pasteira. O escenario para esta primeira mobilización convocada pola plataforma ENCE Fóra! Foi entre a Audiencia Provincial e a sé do Partido Popular, dende onde reclamaron a marcha da factoría de Lourizán.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/28/pancarta_ence.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/28/pancarta_ence.mp4{/flowplayer}