Poio> O Festival Armadiña Rock, enmarcado na Festa do Mar de Combarro, contará por primeira vez cun Punto Lila. Nel ofrecerase información, asesoramento e axuda sobre onde acudir e que facer en caso de agresión sexual. Baixo o lema “Se non é SI, tamén é NON”, preténdese concienciar sobre a prevención de violencias machistas.
O Punto Lila que se instalará no Armadiña Rock esta fin de semana estará coordinado por axentes de igualdade e ofrecerá información e asesoramento sobre violencias machistas e agresións sexuais, co obxectivo de concienciar e sensibilizar á sociedade no seu conxunto sobre esta lacra coa que hai que rematar.
Neste punto, situado na Praza da Chousa e operativo dende as 12 da noite ás catro da maña do venres e o sábado, poderase atopar tamén información da campaña da deputación “Eu decido, ti respectas”.
Ademais dos teléfonos de urxencia habituais, como o xenérico 112 e o específico para casos de violencia machista 016, durante os días 24 e 25 de agosto habilitarase o número 604 050 557, que estará operativo as 24 horas.
A iniciativa, promovida pola concellería de igualdade de Poio, conta cos servizos da Asociación de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega, e a colaboración da deputación de Pontevedra e a Policía Local.