
VILAGARCÍA> Que non peche ningún negocio. Esta é a máxima coa que a asociación de autónomos Agtamar UPTA vai poñer en marcha o programa ‘Tomando o Relevo’, Trátase de favorecer o cambio xeracional nos negocios, evitando que a xubilación dos ata entón propietarios remate coa clausura da actividade.
Ninguén se plantea a posibilidade de que unha gran empresa bote o peche porque os seus empregados se van xubilando e chega a quedar sen ningún traballador. O mesmo queren trasladar ó sector dos autónomos a asociación Agtamar UPTA. A medida que van poñer en marcha para tratar de reconducir esta situación é o programa ‘Tomando o relevo’. Veñen de presentalo na Deputación de Pontevedra para aplicalo a nivel provincial, pero en especial na comarca de Arousa, xa que segundo datos de Agtamar, o 40% de negocios que pechan por xubilación en toda a provincia, fano en Arousa.
Para ligar ós autónomos a piques de xubilarse cos potenciais emprendedores, na súa meirande parte ‘ninis’, é dicir, mozos de baixo perfil formativo e incluso ó borde da exclusión social, Agtamar aposta por contratos de formación e aprendizaxe.
O contrato estará bonificado ó 100% na cota de seguridade social, é dicir, o autónomo non pagará por ter ese traballador con contrato aprendizaxe, pero tampouco lle terá que abonar ningún salario. O soldo será pagado con cargo ó plan de garantía xuvenil, un salario mínimo interprofesional. E para que a proposta resulte atractiva ós autónomos ás portas da xubilación, propoñen un incentivo económico.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/28/TOMANDORELEVOAGTAMAR.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/28/TOMANDO_RELEVO_AGTAMAR.mp4{/flowplayer}








