PONTEVEDRA> Tres empresas pontevedresas brillarán con luz propia na gala dos Premios Feroz. Paco y Lola, Krack e El Nogal estarán presentes nesta importante cita con diferentes accións para darse a coñecer entre os asistentes. Hoxe representantes destas marcas foron recibidas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
Paco y Lola, Krack e El Nogal son as tres empresas pontevedresas que brillarán con luz propia na gala de entrega dos Premios Feroz o vindeiro 24 de xaneiro en Pontevedra.
Así, as características botellas de lunares do albariño Paco y Lola, cooperativa meañesa, volverán estar presentes nas mesas da gala. Xa participaron o ano pasado e neste caso chegan cunha novidade: incluirán na súa oferta o seu viño sen alcohol, lanzado o ano pasado.
Tamén estivo nos Feroz 2025 a empresa pontevedresa Krack, do sector do calzado. O ano pasado arrasou coa súa proposta para a posgala: unha máquina expendedora de zocos que triunfou entre os asistentes e que lles valeu un Premio Paraugas do Clúster de Comunicación de Galicia á mellor estratexia de marketing. Este ano teñen preparada unha acción distinta.
A que se estrea nesta edición é El Nogal, de Campo Lameiro. Para a gala teñen preparado un proxecto único deseñado especificamente para os Premios Feroz.
Recordemos que a gala se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra o vindeiro 24 de xaneiro. Está prevista a asistencia dun milleiro de persoas, entre elas algúns dos nomes máis recoñecidos do audiovisual español.











