A toxina obriga ó peche da campaña marisqueira en Noia

NOIA> Novo mazazo para os mariscadores da ría de Muros-Noia. Tan só dúas semanas despois da apertura da campaña, a presenza da toxina obriga a parar a actividade. As últimas mostraxes realizadas polo pósito durante a fin de semana evidenciaron altos niveis de toxicidade polo que se tomou a decisión de interromper a campaña.

A confraría de pescadores de Noia decidíu suspender hoxe a actividade extractiva despois de que os resultados das mostras analizadas durante a fin de semana deran datos negativos, polo que os mariscadores non puideron comezar a semana nas augas da ría ó detectarse altos niveis de toxina.

O peche que afrontan agora os mariscadores non é o único condicionante para os produtores, nun inicio da campaña que se está a caracterizar pola escaseza de marisco e os baixos prezos acadados en lonxa. Lonxe dos datos das últimas campañas.

Dende o pósito agardan a que a situación remita nos próximos días e retomar de novo a actividade que dá traballo a preto de 1.500 mariscadores.