A andaina contra o cancro recada en Ribeira preto de 8 mil euros

RIBEIRA> Éxito da primeira andaina solidaria organizada pola xunta local da Asociación Española contra o cancro de Ribeira. A entidade conseguiu recadar máis de sete mil euros que irán destinados a investigación.

A chuvia non foi quen de arredar ós centos de persoas que o sábado pola tarde se sumaron á andaina solidaria contra o cancro celebrada en Ribeira. Os participantes tomaron a saída dende a praza do concello cara o paseo do Touro para dirixirse posteriormente ata o parque García Bayón posto que a persistencia do mal tempo obrigou a acurtar o percorrido.

A andaina finalizou no punto de partida, onde tivo lugar un emotivo acto coa intervención de varios pacientes de cancro que puxeron cara á enfermidade compartindo a súa propia experiencia. Entre eles, Natalia Muñiz ou Suso Pérez, colaborador da asociación que recibiu un emotivo recoñecemento tras superar recentemente un cancro de mama. A organización estima que os fondos recadados, entre as inscricións e o dorsal cero, ascenderon a preto de 7500 euros.

Pero as actividades do outubro rosa non rematan aquí. O mércores, día internacional do cancro de mama, haberá unha charla no Centro Cultural Lustres Rivas. A psicóloga Lucía Álvarez Santullano abordará mellor forma para un paciente de cancro de comunicar ós familiares, especialmente ós fillos, o diagnóstico. Ademais durante toda a xornada, instalarase unha mesa informativa na praza do concello.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí