Lousame continúa adiante co Trail San Silvestre ‘Castelo de San Mamede’

LOUSAME> A proba, que chega este ano á cuarta edición, desenvolverase os días 27 e 28 baixo unhas estritas normas hixiénico-sanitarias por mor da covid. Ademais do trail en si, con dous percorridos, un curto e outro máis longo, realizaranse tamén un pequetrail e unha andaina.

A seguridade, en base a unhas estritas medidas hixiénico-sanitarias que deberán cumprir tódolos participantes, será un dos aspectos máis destacados desta cuarta edición do Trail San Silvestre ‘Castelo de San Mamede’ presentado esta mañá no Concello. Disputarase a última fin de semana de decembro, os días 27 e 28 con varias modalidades deportivas nos que se combina deporte e natureza.

O sábado 27 pola mañá terá lugar a tradicional andaina. Volverá a ter un fin solidario e todo o recadado irá en beneficio da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva.

Ese mesmo día pola tarde celebrarase o Pequetrail, con saída ás catro e cuarto dende o parque de San Lourenzo. E o domingo disputarase o Trail, con dúas modalidades, unha de longo percorrido e outro máis curto.

O prazo de inscrición nas distintas probas abrirase este mércores, a través da web de emesports, empresa que se encargará da parte loxística da carreira. Poderá realizarse ata o 20 de decembro. Aínda así, dende a organización aluden a que haberá que estar atentos a posibles cambios en caso de que a situación sanitaria evolucione de xeito non favorable.

Dende o Concello mostraron tamén o seu agradecemento ó equipo de voluntarios e tamén ás empresas patrocinadoras que colaboran no desenvolvemento da proba.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí