Reclaman un plan integral de recuperación para a rúa Principal

    BOIRO> Comerciantes, hostaleiros e veciños en xeral da rúa Principal denuncian o estado de abandono e o deterioro que presenta esta rúa, durante anos a principal arteria de comunicación da vila. José Joaquín Cortés Iglesias é un dos moitos exemplos de comerciantes e hostaleiros da rúa Principal que dende hai anos veñen denunciando a situación de abandono que presenta esta rúa. Segundo el, hai anos que a vía deixou de ter a importancia de antano, véndose relegada como rúa comercial por outras zonas do casco urbano como é o caso da avenida da Constitución ou a rúa Peonil. A súa situación é diferente, ó ter un problema engadido, xa que lindando co seu negocio atópase un edificio en ruínas que lle está a causar graves prexuízos. Situacións coma a deste inmoble ruinoso son bastante comúns en toda a rúa Principal, dende a zona de Cimadevila ata a Cano e a Tenencia, dando unha imaxe bastante negativa da zona. As queixas de comerciantes, hostaleiros e veciños en xeral non pasaron desapercibidas para Boiro Novo, que a través dunha iniciativa levará ó pleno deste xoves unha moción reclamando un plan integral de recuperación desta rúa. Ademais dos problemas sinalados, os comerciantes e hostaleiros quéixanse do deficiente sistema de alumeado que foi modificado hai varios meses polo equipo de goberno.