PONTEVEDRA> A Vida é Movernos continúa coas súas propostas para conseguir que os pontevedreses retomen a actividade física. O programa volve a vindeira semana cunha nova actividade, que ten o breaking como protagonista. Os días 14, 16 e 19 de setembro a avenida de Montero Ríos será o escenario dun obradoiro de iniciación a este deporte.
Se lles falamos de air flare, windmill, handhop ou six step, o máis probable é que non saiban a que nos estamos referindo. Pero iso pode mudar grazas á nova proposta do programa ‘A Vida é Movernos’: un obradoiro de iniciación ao breaking.
O breaking comezou a bailarse na década dos 60 nalgúns barrios de Nova York. Nos anos 80 foi o seu boom e dende entón vai conquistando terreos. De feito, estará presente no programa olímpico de París 2024.
Deste xeito, A Vida é Movernos mantense fiel ao seu obxectivo de facer que os pontevedreses fagan actividade física e, ao mesmo, optar por disciplinas menos estendidas.
O obradoiro de breaking será os días 14, 16 e 19 de setembro na avenida Montero Ríos de Pontevedra, entre as 7 e as 9 da tarde, con 12 prazas dispoñibles.
Se queren iniciarse nesta práctica deportiva xa poden inscribirse, chamando ao teléfono 619748028.