O traslado do Obradoiro de Hostalería enfronta a Durán con Cacabelos

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/09/duran_mancomunidade.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/09/duran_mancomunidade.mp4{/flowplayer}

     

    SALNÉS> Enfado no seo da Mancomunidade de O Salnés. O traslado do obradoiro de hostalería dende O Grove a Sanxenxo, culminou onte no anuncio do alcalde meco de que se están a plantexar a saída do concello do organismo. José Antonio Cacabelos foi moi crítico coa xestión do presidente en funcións, Gonzalo Durán. Esta mañá, Durán aseguraba que o enfado de Cacabelos débese a cuestións persoais e políticas.

    O presidente en funcións da Mancomunidade non entende o enfado do alcalde de O Grove. Para Gonzalo Durán, a postura de José Antonio Cacabelos, que estuda abandonar o organismo, demostra unha total falta de solidariedade.

    Para Durán, a explicación da postura do alcalde grovense atópase no seu intento fallido de converterse en presidente da Mancomunidade. Unha votación que rematou cun empate dos dous rexedores.

    Durán recordou que no pleno do xoves todos os partidos estiveron a favor do traslado do obradoiro ás instalacións de Sanxenxo. Un local que, segundo explicou o rexedor vilanovés, servirá de escaparate da hostalería da comarca.

    Palabras máis amables tivo o alcalde vilanovés para o seu homólogo de Sanxenxo. Segundo Gonzalo Durán, decidiu traspasarlle a xestión das áreas de hostalería e infraestruturas porque Gonzalo Pita ten ganas e ideas.

    Iso si, negou a existencia de ningún pacto para conseguir o voto de Gonzalo Pita para manter a presidencia da Mancomunidade, e asegurou que, polo de momento, non está previsto convocar ningunha votación.