NOIA> O PP de Noia denuncia o incremento da débeda a provedores ó longo do presente ano en preto dun tres mil por cento. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Facenda, os populares cifran en dous millóns e medio a débeda acumulada polo concello, sen ter en conta os impagos á Mancomunidade Serra do Barbanza polo servizo de recollida de lixo. De setenta e cinco mil a dous millóns catrocentos mil euros. Este incremento é o que denuncia o Partido Popular de Noia en relación á débeda a provedores contraída polo concello ó longo do presente ano. Unha cifra que, segundo os populares, sería aínda moito máis elevado se incluíran ós pagos a Serra do Barbanza polo servizo do lixo que non se teñen materializado. Pero o endebedamento non é o único que preocupa á agrupación popular que denuncia tamén que a maior parte das partidas consignadas nos actuais orzamentos están sen executar. Como exemplos, destacan algunhas actuacións destacadas como a ampliación do museo do mar, a pavimentación da alameda ou a demolición do antigo estaleiro de Abruñeiras O voceiro popular atribúe esta situación á falla de planificación e ó desgoberno do actual executivo que nin sequera levou a pleno os proxectos a incluír no Plan de Obras e Servizos e no Plan de Acción Social da Deputación. A piques de rematar o prazo establecido pola administración provincial o concello, din, podería perder máis de seiscentos mil euros de inversión.
Inicio Barbanza - Muros - Noia