Sofía, un Lazo de Solidariedade con Angola

    VILAGARCÍA> Faltan aínda máis de dous meses, pero a Fundación Ladesol e o colexio San Francisco de Vilagarcía xa traballan a pleno rendemento para organizar a carreira solidaria deste ano. Queren repetir o éxito da primeira edición, que fixo que máis dun milleiro de arousáns participaran baixo o lema “corro polo teu soño”.  A iniciativa recada fondos para apoiar a poboación de Angola. Testemuña das súas necesidades é a vilagarciá Sofía Quintáns, relixiosa que leva dous anos facendo labor humanitaria no país africano.

     

    Sofía Quintáns fixo onte parada en Vilagarcía. Naceu aquí, pero hai máis de dous anos que Angola é a súa residencia habitual. É franciscana misioneira, pertencente á congregación da Madre do Divino Pastor, e é testemuña directa das necesidades dos angoleños.

    Conta Sofía que Angola está en pleno momento de cambio. A pesares da súa riqueza, o seu presente ven lastrado por séculos de escravitude e a posterior colonización portuguesa. O seu movemento de independencia rematou en trinta anos de guerra civil. Actualmente a poboación está sometida a un poder político case ditatorial.

    Respectuosos, agradecidos e cun profundo sentido da transcendencia. Así define esta relixiosa aos africanos, cos que comparte a súa vida. Ladesol apoia o seu traballo sobre o terreo, con iniciativas que favorezan o desenvolvemento integral das persoas.

    Iniciativas como a Carreira Solidaria Ladesol axudan a que estes proxectos sexan unha realidade. A Fundación e o colexio de San Francisco de Vilagarcía xa traballan na edición deste 2016, que se celebrará o 24 de abril. O ano pasado foron máis de mil persoas as que correron polos soños dos angoleños.

    Participar en iniciativas para o desenvolvemento como esta, sensibilizar as novas xeracións para que coñezan outras realidades, apoiar as persoas que traballan sobre o terreo ou colaborar en proxectos que loiten pola xustiza, son outras ferramentas coas que dende aquí todos podemos axudar a construír unha mellor realidade.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/09/relixiosa_ladesol.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/09/relixiosa_ladesol.mp4{/flowplayer}