A ANPA da Escola Infantil de Dodro denuncia incumprimentos nas ratios

    DODRO> A ANPA da Escola Infantil de Dodro, integrada na Rede de Escolas do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, vén de denunciar novos incumprimentos nas ratios mínimas por persoal e número de cativos. Reclámanlle á Xunta que cubra as carencias de coidadoras no centro para evitar posibles situacións de risco cos pequenos. 

     

     

    Dende o inicio de curso, o pasado mes de setembro, foron xa varias as denuncias realizadas pola ANPA da Escola Infantil de Dodro relativas ós incumprimentos que se están a dar nas ratios de persoal por número de nenos. En varias ocasións a ausencia, por distintos motivos dalgunha das coidadoras, provocou que só estivera ó coidado dos cativos unha única educadora, tendo que facerse cargo ela soa dun total de 23 nenos, que son os que están matriculados no centro. A falla de resposta por parte do Consorcio que na maioría dos casos non enviou a unha profesora substituta, obrigou ós propios pais a ter que autoorganizarse para paliar esta falla de persoal, chegando mesmo a ter que distribuír as horas de levar e recoller os cativos, para evitar que se xuntaran máis de quince nalgún momento. A través da denuncia os pais pretenden facer unha chamada de atención, xa que cun persoal tan reducido, calquera mínima incidencia, deixa ós nenos sen unha cobertura mínima, tal e como está establecida por lei. Véndose obrigados a ter que denunciar a situación ante Inspección de Menores para que o Consorcio lles proporcione persoal substituto. Unha circunstancia que negan dende o propio Consorcio, dende onde sinalan que a plantilla desta escola infantil está composta por unha mestra, que é a directora do centro, dúas educadoras e unha persoa máis, que é persoal de servizos xerais, polo que, con 23 nenos matriculados, se cumpre perfectamente coas ratios establecidas no Decreto que regula as escolas infantís, que esixe unha persoa por unidade, máis unha persoa de apoio. En canto ás circunstancias denunciadas dende a ANPA, dende o Consorcio sinalan que son excepcionais, e que un dos incidentes se debeu a un accidente de tráfico da propia directora, cuxa baixa foi inmediatamente cuberta. Tamén a puntan dende o Consorcio que  o mes de setembro é un mes de adaptación para os nenos, polo que na maioría dos casos nin se cubre nel o horario completo que se segue durante o resto do curso.