Máis de vinte establecementos participan na IV Feira de Inverno

    RIBEIRA> Vinte e cinco establecementos participarán na cuarta Feira de Inverno que se celebra esta fin de semana en Ribeira. A principal novidade deste evento, organizado pola asociación de empresarios e o concello, é o cambio de ubicación. Este ano a carpa estará situada na praza de España. Este venres abre as súas portas a cuarta edición da Feira de Inverno Viamare. Durante toda a fin de semana, vinte e cinco establecementos comerciais dos máis variados sectores, mesmo da hostalería, instalarán os seus expositores nunha carpa situada na praza de España. Ademais das ofertas en tódolos artigos á venda, as persoas que se acheguen ata a feira poderán disfrutar das actividades complementarias dirixidas especialmente ós nenos. Haberá inchables, unha ludoteca e mesmo un tren infantil que percorrerá as rúas da vila. O horario de apertura será de once da mañá a dez da noite o venres, de dez a dez o sábado e de once a nove o domingo. Este último día, coincidindo con San Valentín, celebrarase o sorteo de dous vales de compra de cen euros entre os clientes.