Un muradán resultou ferido de consideración nun accidente en Esteiro

226

MUROS> A vítima tivo que ser excarcerada por persoal do GES de Muros e do Parque de Bombeiros de Cee ó quedar atrapada no interior do seu turismo.

O suceso producíase ó redor das dúas da tarde, na estrada comarcal AC-550, a altura da parroquia muradá de Esteiro. Por causas polo de agora descoñecidas, dous vehículos colidiron frontolateralmente. Un deles, despois do impacto, volcou contra un pendello existente a carón da vía, quedando o seu condutor atrapado no seu interior.

Alertados polo 112, ata o lugar do sinistro desprazáronse efectivos do GES de Muros e posteriormente do parque comarcal de bombeiros de Cee, xa que foi necesaria a súa excarceración.

A vítima, un veciño de Abelleira, de 38 anos, foi auxiliada por persoal médico do 061 e do centro de saúde de Esteiro, para posteriormente ser evacuado no helicóptero do 061 ó Hospital de Santiago con múltiples fracturas.

O condutor do outro vehículo, tamén veciño da localidade, duns setenta anos, resultou ferido leve. Nos arredores do lugar do accidente congregáronse tamén numerosos veciños e curiosos alarmados pola aparatosidade do accidente.

Tamén participaron no operativo de emerxencias Policía Local, garda Civil, Tráfico e Atestados. A consecuencia do accidente un dos carrís da estrada estivo cortado ó tráfico, mentres se procedeu á retirada dos vehículos e á limpeza da vía. Unha intervención que se deu por concluída ó redor das cinco desta tarde.