Ribeira regula as prestacións sociais a través dunha ordenanza de inclusión

    RIBEIRA> O concello de Ribeira dá un paso máis na mellora dos servizos sociais a través da aprobación definitiva da ordenanza de inclusión social. Esta norma vén regular unha serie de recursos e prestacións económicas para garantir o acceso ós servizos básicos de tódolos cidadáns. O Boletín Oficial da Provincia publicou a aprobación definitiva da ordenanza de inclusión social de Ribeira despois de que o pleno a respaldara de xeito unánime o pasado mes de outubro e non se presentara ningunha alegación no período de exposición pública. Este regulamento incorpora importantes novidades como a creación dunha renda social municipal dirixida a atender as necesidades básicas das familias sen ingresos suficientes. Contempla tamén a posibilidade de acceder ó aluguer social ou á tarxeta moedeiro para a cobertura de gastos de alimentación, hixiene ou roupa. Ademais dos programas desenvolvidos directamente polo concello, a ordenanza regula o establecemento de convenios con entidades sociais para a prevención da exclusión. O dereito a percibir a renda básica e acollerse ás distintas axudas estará condicionada ó establecemento de proxectos de inserción social personalizados cos solicitantes.