O BNG da Pobra pide que se acorden previamente as obras do PAI

    POBRA> O BNG da Pobra advirte ó executivo da necesidade de avanzar na elaboración dos orzamentos e dos proxectos a incluír no Plan de Aforro e Investimento da Deputación, Temen os nacionalistas que a falla de xestión do goberno derive nunha situación similar á acontecida cos outros plans provinciais, que tiveron que se aprobados in extremis. O pasado decembro vivíase unha situación moi tensa no pleno extraordinario para a aprobación do Plan de Obras e Servizos e de Acción Social da Deputación. Os voceiros da oposición, que abandonaran a sesión pola falla de acordo previo nos proxectos, tiveron que volver por responsabilidade para evitar a perda dos fondos. Agora, temen que aconteza algo similar co Plan de Aforro e Investimento que debe estar entregado antes do 18 de marzo. Pola súa banda, o alcalde explicou que precisamente onte se desenvolveu unha comisión de seguimento na que expuxeron as principais necesidades ás que destinar estes fondos provinciais. Os nacionalistas ofrecen a súa colaboración, sempre e cando o executivo traballe por consensuar os proxectos e non intente impoñer as súas propostas a última hora. Insisten ademais na necesidade de avanzar na elaboración dos orzamentos xa que a día de hoxe non teñen recibido información sobre o documento máis importante do concello.