Acordo para o incremento da cota do xurelo para este ano

    BARBANZA> Así o acordaron representantes das dúas asociacións maioritarias deste sector na xuntanza da Comisión do Cerco do Consello Galego de Pesca. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorou moi positivamente o acordo polo que se incrementa a cota de xurelo para o conxunto da flota galega para este ano en case 3.500 toneladas, de xeito que se pasa das 10.140 toneladas de cota do ano pasado ás 13.602 previstas para este 2016. A Xunta logrou que tódalas partes se puxeran de acordo e que aceptaran un reparto consensuado que respectará a base do compromiso rubricado por eles mesmos en decembro de 2013 co Ministerio e co conxunto das Comunidades Autónomas con intereses pesqueiros. A principal novidade do acordo, que xa lle foi trasladado á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, radica no establecemento dun solo mínimo de cota de xurelo para tódolos barcos en función da capacidade do barco. Ademais ese mínimo non se establecerá só para o reparto deste ano senón que quedará establecido de xeito permanente. No transcurso da reunión adquiriuse tamén o compromiso de que ningún barco terá para 2016 unha cota de xurelo inferior á de 2015 e que se constituirá un novo grupo de traballo con tódolos representantes do sector no que se estudarán todas aquelas opcións que poidan contribuír a acadar mellores posibilidades pesqueiras para o próximo ano.