Costura e patchwork enchen de arte a casa da cultura do Porto do Son

O PORTO DO SON> A Casa da Cultura do Porto do Son acolleu esta fin de semana a inauguración da exposición de Patchwork, Costura e Labores de Agulla. A mostra recolle máis dun ano de traballo do alumnado que participa nos cursos que se imparte tanto en Portosín como no Porto do Son.

Os cursos de costura que durante todo o ano se desenvolven no Porto do Son non puideron ter mellor broche que coa inauguración desta exposición que xa se pode visitar na casa da cultura sonense.

Das paredes da sala de exposición colgan auténticas obras de arte feitas a man polas alumnas dos talleres. Dende colchas de mantas ata propostas tan curiosas como un parchís.

Aqueles que non queiran perder ocasión de achegarse a estes labores poden visitar a mostra durante todo o mes de xuño.