Iniciado o procedemento para a ocupación da nova lonxa

    RIBEIRA> Na súa visita á comarca do Barbanza, o presidente de Portos referiuse ó inicio do proceso administrativo para o traslado á nova lonxa. Á espera de que se faga efectivo queda pendente a dotación dalgún servizo como a rede telefónica polo que, dende o departamento autonómico, prefiren non adiantar prazos para a posta en funcionamento das instalacións. Unha vez recibida a obra da lonxa de Ribeira, Portos de Galicia iniciou o procedemento para o traslado dos usuarios. Trátase dun proceso complexo que implica a instalación de equipos procedente da rula vella e a dotación de servizos aínda pendentes polo que a ocupación realizarase de xeito paulatino. Por esta razón, dende Portos son cautos e non adiantan datas para a entrada en funcionamento da nova lonxa. Aínda así, o presidente de Portos considera que o traslado non se fará efectivo ata despois da Semana Santa co obxectivo de non afectar ás vendas nun período de moita actividade comercial.