Mar elaborará un plan de continxencia para acabar coa marteilia

    GALICIA> A consellería do Mar levará a cabo un plan de continxencia para evitar que a marteilia, o parásito que afecta ó berberecho especialmente nas rías de Arousa e Pontevedra, non siga estendéndose ó resto de Rías galegas. A proposta, presentada por AGE, conseguiu o apoio unánime do resto de forzas na Comisión de Pesca do Parlamento Galego. Unha proposición non de lei presentada polo deputado de AGE, Juan Fajardo, na que se instaba á Xunta a tomar medidas inmediatas contra a marteilia, o parásito que afecta ó berberecho, saiu adiante co respaldo unánime de tódolos grupos presentes na Comisión de Pesca do Parlamento Galego. Algo verdadeiramente inaudito e pouco habitual no que vai da presente lexislatura. Na proposta Fajardo solicitaba a elaboración dun plan de continxencia para impedir que esta praga se estenda a outras Rías, algunhas tan produtivas como a de Noia, algo que suporía unha auténtica debacle económica para esta comarca. A medida tamén recolle o establecemento de consignas orzamentarias de cara a establecer unha liña continúa de investigación e estudo de mecanismos de prevención e redución dos efectos destes parasitos nas rías galegas.