PONTEVEDRA> Catas a bordo dun catamarán, rutas de sendeirismo, deporte, concursos a través de internet ou actividades accesibles a persoas con discapacidade. A partir do catro de marzo a Ruta do Viño Rías Baixas inicia o programa de celebracións do seu vinte aniversario. Propostas variadas cada mes ata final do ano coas que tratarán de seguir sumando visitantes e ascender postos entre as Rutas de España máis visitadas. Agora mesmo, son sextos.
O próximo catro de marzo a Ruta do Viño Rías Baixas inaugura oficialmente a programación especial coa que festexará durante todo este 2016 o seu 20 aniversario. Actividades para tódolos públicos e para cada mes do ano que comezarán con catro ‘Catas entre Amigos’.
O sumiller Nacho Costoya será o encargado de dirixir estas degustacións, que se realizarán en Santiago a primeira, Pontevedra, A Coruña e Vigo entre marzo e maio. Xa no verán reeditarase a cata, pero a bordo dun catamarán. E aproveitando o bo tempo, darán cancha ós deportes como aposta por un estilo de vida saudable no que o viño ten moita cabida. As propostas son dúas.
O ciclismo será a outra opción cunha Ruta do Viño BTT, e volverán as camiñatas entre viñedos, desta volta polo Condado do Tea. Como membro da Guía das Rutas Enolóxicas Accesibles, seguirán este ano ampliando a oferta de actividades para persoas con algunha discapacidade. Comezaron no 2015 cun taller sensorial para invidentes, e agora traballan con Down Compostela.
Non faltará a celebración do Día Europeo do Enoturismo, con talleres para nenos como novidade, ou charlas profesionais para os socios da Ruta. Un programa do máis completo co que lembrar vinte anos de andaina, nos que conseguiron certificarse como única ruta do viño galega das Rutas do Viño de España ou recoñecementos como a Q de Calidade ou a mención do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/19/ANIVERSARIO_RUTA_VINO.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/19/ANIVERSARIO_RUTA_VINO.mp4{/flowplayer}