O BNG da Pobra reclama un espazo para a creación artística

    POBRA> Para os nacionalistas é necesario que o concello dea resposta ás necesidades actuais de moitos creadores locais. A través dunha moción que levarán ó vindeiro pleno, o BNG pobrense considera esencial a implicación das Administracións Públicas, nomeadamente a local, para conseguir que aquelas persoas con inquietudes artísticas poidan realizar as súas creacións nas mellores condicións, ó non dispoñer dun espazo para poder facelo. Por esta razón reclaman que, ben a través de infraestruturas xa existentes ou ben coa construción dun local realizado xa especificamente para este fin, se dote ó concello dun espazo de creación cultural e artística.