BOIRO > O Club Náutico Deportivo de Barraña comeza a súa aposta pola vela cun cursiño de iniciación que se celebrará do 10 ó 14 de abril. Esta actividade, promovida pola Federación Galega de Vela, pretende fomentar os deportes náuticos no concello ó mesmo tempo que supón un reclamo turístico para os visitantes de Boiro.
Directivos do Club Náutico Deportivo Barraña e da Federación Galega de Vela así coma representantes municipais e de determinados colectivos sociais asistiron á presentación oficial deste curso que se desenvolverá entre os días dez e catorce de abril no porto de Escarabote. Tódolos asistentes coincidiron en sinalar o beneficiosa que será esta actividade tanto para o deporte como para o turismo da zona.
Ata o momento, o concello de Boiro contaba con equipos de remo e de piragüismo pero faltáballe abordar a vela para completa-la oferta de deportes náuticos.
Grazas á iniciativa do Club Náutico e a Federación Galega de Vela, en colaboración co concello e co patrocinio de Caixanova, os boireses poderán iniciarse en este deporte dirixido a tódalas idades. O curso está dirxido a persoas de entre 10 e 99 anos, aínda que farase especial fincapé nos colexios posto que é nos nenos onde se atopa o futuro da vela.
Os monitores do curso visitaron xa varios colexios do concello para amosar ós rapaces en que consiste este deporte aportando nocións básicas. Os interesados poderán inscribirse no departamento de deportes do concello ou ben chamando ó teléfono 981 848 425. O curso ten carácter gratuito polo que soamente será necesario aboar os 16 euros da licenza federativa como seguro médico.
Redacción Barbanza