O sector do mar agarda reunir a trinta mil persoas na manifestación do sábado

    SANTIAGO> A Federación Galega de Confrarías mantén a convocatoria da mobilización en defensa do sector do mar para este sábado en Santiago. Consideran que a retirada do anteproxecto de lei de acuicultura é insuficiente para dar marcha atrás na súa intención de manifestarse xa que son moitos os problemas que afronta o sector. O presidente da Federación Galega de Confrarías, arroupado por representantes do sector mexilloeiro, a plataforma en defensa da ría de Arousa e sindicatos, facía pública a intención de manter a convocatoria da manifestación que partirá este sábado ás once e media da alameda de Santiago. O anuncio de retirada do anteproxecto da lei de acuicultura realizado este martes pola Conselleira non os disuadiu da súa intención de saír á rúa xa que a polémica lei é tan só un dos motivos da convocatoria. A escaseza de cotas, a eliminación dos descartes ou a baixa produtividade dos bancos marisqueiros son tan só outros exemplos das dificultades que atravesa o sector do mar e das que demandan unha solución á Consellería. As previsións dos organizadores apuntan a que entre vinte e trinta mil persoas poderían darse cita este sábado en Compostela. Tan só dende Arousa fretaranse un cento de autobuses o que dá idea da magnitude desta mobilización que o presidente do Consello Regulador do Mexillón cualifica de histórica. A manifestación constitúe ademais unha chamada á unidade do sector para conseguir os seus obxectivos. Dende a plataforma en defensa da ría de Arousa consideran que a retirada do anteproxecto de lei é froito da loita común das xentes do mar polo que, a partir de agora, este debe ser o camiño a seguir. Por último, os promotores desta manifestación destacan o seu carácter pacífico e de convivencia polo que fan un chamamento á participación non só dos directamente relacionados co sector senón de calquera cidadán como consumidor ou afectado indirecto. Tras percorrer varias rúas do centro de Santiago, o percorrido da marcha rematará na praza do Obradoiro onde se dará lectura a un manifesto.