O BNG de Rianxo substitúe a Mariño por Adelina Ces como cabeza de lista

    bngrianxo_100_130407.jpgRIANXO > A tan só un mes da celebración das eleccións municipais, o BNG de Rianxo sorprendeu co cambio do seu cabeza de lista.

    Adelina Ces substituirá o ata agora candidato, Xoán Bautista Mariño Abuín, que non concorrerá ás eleccións, segundo explicaron os seus compañeiros de partido, por motivos estrictamente persoais. O voceiro comarcal do BNG, Manel Casal Sabín, e o responsable local desta formación en Rianxo, Adolfo Muíños, compareceron ante os medios de comunicación para informar do cambio na candidatura presentada ós próximos comicios do 27 de maio.

    Xunto a eles estaba Adelina Ces, a nova candidata en substitución de Xoán Bautista Mariño que ata o de agora figuraba como cabeza de lista. Segundo explicaron os responsables da formación política, a renuncia de Mariño Abuín debeuse a razóns persoais posto que o ex-canidato sempre contou co apoio unánime da asemblea local. O seu responsable, Adolfo Muíños, quixo agradecer a labor desenvolvida por Xoán Bautista Mariño durante os últimos caro anos nos que exerceu unha oposición forme e coherente trasladando o proxecto nacionalista a tódolos rianxeiros.

    Lista renovada

    Trala renuncia de Xoan Bautista Mariño, a asemblea elixiu por unanimidade a Adelina Ces como candidata. A actual concelleira liderará unha lista renovada, que incorpora un corenta por cento de mulleres e con representación de tódalas parroquias do concello.

    Tanto a nova candidata como o responsable comarcal do BNG, Manel Casal Sabín, sumáronse ás palabras de agradecemento a Xoán Bautista Mariño pola súa traxectoria á fronte da formación nacionalista en Rianxo.

    Así mesmo, Casal Sabín quixo deixar claro que o cambio de candidato non responde a ningún tipo de crise nin problema interno posto que o clima da asemblea local de Rianxo é de unidade e total normalidade política. Fontes desta redacción tentaron poñerse en contacto, sen éxito, co ex-candidato para coñece-la súa visión sobre este cambio de última hora.

    Redacción Barbanza