ACERGA considera positivo pero insuficiente o acordo para a sardiña

PORTO DO SON> A flota galega disporá de catorce mil toneladas de sardiña. Bruxelas autorizou a apertura da pescaría a partir de maio. Aínda que consideran insuficiente a cota, dende ACERGA valoraron positivamente a decisión da Comisión Europea que mesmo chegou a barallar o peche total da sardiña como medida para a recuperación da especie. Despois de que Bruxelas dese luz verde ó acordo entre España e Portugal para a pesca da sardiña, o cerco galego confía en conseguir un incremento da cota. Disporán a partir de maio de catorce mil toneladas, contía que podería incrementarse en sete mil máis se os estudos biolóxicos constatan a recuperación do recurso. Mentres tanto, dende ACERGA teñen previstas futuras reunións para establecer o reparto da cota por meses, de xeito que a pesquería se poida prolongar ata o mes de novembro. Tras anos de redución de cotas, a flota do cerco comeza a constatar a recuperación da sardiña. Por esta razón, entenden que é preciso plantexar cara o futuro novos termos para a negociación con Portugal que resulta moito máis beneficiada que España polo reparto. Entenden tamén que deberían artellarse liñas de axuda para compensar as perdas, especialmente para a flota de baixura, que se ve obrigada a parar polos estrictas restricións que impón a redución de cotas.