Rianxo esixe un maior control sobre o destino das capturas do furtivismo

    RIANXO> A confraría de Rianxo denuncia o incremento dos casos de furtivismo nas súas concesións. Esixen á Consellería a toma de medidas para controlar as canles de comercialización do marisco ilegal ante a imposibilidade de frear a actividade extractiva nas praias. Non se trata dun problema novo senón que o furtivismo tornouse case endémico na marxe norte da ría de Arousa. As confrarías de Rianxo, Cabo de Cruz e Pobra son as máis afectadas por esta práctica que pon en xaque ós traballadores do mar, impedindo que novos profesionais poidan vivir do marisqueo. A pesar dos esforzos dos vixilantes, que rastrexan as concesións por mar e terra, apenas conseguiron reducir a actividade dos furtivos nas praias. En Rianxo, contan cun importante apoio da policía local e da garda civil pero, insisten, non é suficiente para disuadir ós mariscadores ilegais. Dende a confraría entenden que a Consellería debería incidir nas vías de comercialización do marisco extraído polos furtivos que, en moitas ocasións, acaba en depuradoras ou restaurantes. O control do destino das capturas ilegais é, segundo os mariscadores, a única maneira efectiva de reducir os niveis de furtivismo unha vez comprobada a ineficacia doutras medidas sancionadoras ou a tipificación desta práctica como delito, pola cal non existe a día de hoxe ningunha sentenza en firme.