RIBEIRA> Tódolos servizos do concello de Ribeira trasladáronse xa ó auditorio vello tralo peche da casa consistorial para executar a súa reforma. As obras durarán aproximadamente un ano, tempo durante o cal as xestións municipais realizaranse nestas dependencias de xeito provisional.
Dende esta semana, as xestións municipais que se viñan realizando na casa do concello deben realizarse no auditorio vello. A brigada de obras municipal acometeu o acondicionamento destas dependencias para acoller os servizos municipais mentres duren os traballos de reforma integral da casa consistorial que implicarán o seu peche durante un ano aproximadamente.
As obras da casa consistorial suporán unha notable mellora da eficiencia enerxética e da habitabilidade das instalacións.
Aínda que nun principio o proceso de licitación quedou deserto, o concello introduciu unha serie de modificacións para axustar prezos co fin de que a empresa adxudicataria executara a actuación co orzamento inicial previsto evitando sobrecustos. O proxecto conta cun orzamento próximo ó millón de euros, subvencionado con fondos europeos.