Vía Verde entre Vilagarcía, Caldas e Portas

    SALNÉS/CALDAS> Os concellos de Vilagarcía, Caldas e Portas están a idear a creación dunha Vía Verde que una estes municipios aproveitando a antiga vía de ferrocarril en desuso. Trátase de crear unha senda peonil, que sería a primeira deste tipo integramente galega, que atraia o turismo de sendeirismo e abra o camiño de Santiago á Ría de Arousa.

     

     

    Hai pouco máis de quince días os concellos de Vilagarcía, Caldas e Portas comezaron os contactos para poñer en marcha un proxecto turístico de carácter supramunicipal: a creación dunha Vía Verde entre estes tres municipios seguindo o antigo trazado do ferrocarril.

     

    Vía Verde é unha marca rexistrada creada pola Fundación dos Ferrocarrís Españois para rehabilitar antigas infraestruturas ferroviarias. En España existen máis de 2.400 quilómetros de vías en desuso xa reconvertidas en itinerarios cicloturistas e sendeiristas. O obxectivo de Vilagarcía, Caldas e Portas é o mesmo.

     

    Nestes momentos os tres concellos traballan no deseño do proxecto, para o que están a contar co asesoramento da Fundación de Ferrocarís. Cando o teñan, contactarán con Adif para ver a posibilidade de levalo a cabo.

     

    O punto de inicio en Vilagarcía aínda está por determinar. O final, a estación de ferrocarril de Portas. No tocante ós prazos de execución dependerá da vía de financiamento, con toda probabilidade fondos europeos.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/26/PROXECTO_VIA_VERDE.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/26/PROXECTO_VIA_VERDE.mp4{/flowplayer}