VILAGARCÍA> Milleiros de persoas déronse cita en Vilagarcía en defensa da atención primaria. A manifestación comarcal en defensa da sanidade pública congregou a veciños de todo o Salnés. Canda eles, tódolos alcaldes da comarca, agás os populares de Sanxenxo e Vilanova. A organización considera a convocatoria un éxito. Agora, pídelle á Xunta que tome nota e que atenda as reivindicacións dunha comarca, lembran, onde a sanidade atravesa unha situación crítica.
A praza de Galicia de Vilagarcía quedou pequena para acoller á marea de xente que acudiu á chamada de SOS Sanidade Pública. A plataforma convocou esta mobilización comarcal denunciando o desmantelamento da atención primaria.
Unha manifestación que congregou a milleiros de persoas chegados de tódolos puntos da comarca do Salnés. Unha resposta masiva ante un problema que se ven detectando non só no último verán: a falta de médicos e os problemas nos centros de saúde do Salnés véñense rexistrando dende hai xa moito tempo, denuncian os organizadores. A masiva resposta da cidadanía, entenden, ten que servir agora para que a Xunta tome nota.
Porque, a Xunta insiste en que non hai médicos por culpa do goberno central, que non toma medidas para palia-la falta de médicos de familia. Tódolos alcaldes da comarca, agás os populares de Vilanova e Sanxenxo, sumáronse á protesta. Os rexedores coincidenden coa Plataforma en que a Xunta ten que mover ficha.
Ademais dos alcaldes e diversos colectivos e asociacións, á manifestación tamén se sumaron sindicatos e formacións políticas. Todos coincidían en celebra-la resposta másiva da veciñanza á chamada de SOS Sanidade Pública.
A plataforma continúa recollendo sinaturas a favor da Iniciativa Lexislativa Popular en defensa da Sanidade Pública que pretenden levar ao Parlamento. Ademais, non descartan novas protestas no Salnés.
Unha concentración a nivel Galicia para a que polo de agora non hai data.