Arousa Norte recuperará a súa rede de sendeiros

    BOIRO> A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte iniciou o expediente de contratación do servizo da xerencia. A apertura deste procedemento tivo lugar no transcurso do pleno celebrado esta mañá no que adoptaron numerosos acordos para seguir avanzando na promoción turística da comarca. Entre eles, a recuperación da rede de sendeiros de Arousa Norte creada en 2006 e desvastada pola vaga de incendios que afectou á comarca ese verán. Para a súa recuperación e homologación, solicitaron unha entrevista coa Conselleira de Medio Ambiente co fin de coñecer o grao de afectación do borrador do Plan de Mobilidade para ciclovías que está a elaborar a Xunta de Galicia. Durante o pleno, avanzouse tamén na creación do circuíto de carreiras populares que se celebrarán nos catro concellos entre agosto e decembro, co obxectivo de converter Arousa Norte nun destino idóneo para a práctica deportiva.