A Xunta forma os ‘Líderes de Futuro’

GALICIA> Dende o pasado 26 de febreiro, corenta e cinco mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos teñen máis papeletas para converterse nos líderes de futuro. Son os escollidos que están a participar no novo programa da Xunta de Galicia que, baixo este nome, busca fomentar habilidades e capacidades máis aló do eido académico.

 

Líderes de Futuro é unha nova aposta da Consellería de Política Social. Estréase este ano cun programa innovador e único, que mestura a formación teórica coa práctica, con seminarios, obradoiros e, incluso, actividades ao aire libre para pór a proba as súas habilidades persoais e directivas.

Diferenciarse para triunfar. Esta é a clave. Nun momento de alta competitividade no mercado laboral, as empresas buscan algo máis que a formación nos seus candidatos. Tamén nos ámbitos social e cultural. E aquí é onde entran o tipo de habilidades que se fomentan neste programa da Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Esta é a primeira edición, pero Líderes de Futuro nace con vocación de continuidade, no marco da Estratexia de Xuventude posta en marcha pola Xunta. Unha estratexia transversal, na que participan todas as consellerías, para organizar actividades que afonden no benestar da mocidade.

Todo o programa ‘Líderes de futuro’ conta con mentores e relatores de primeira liña. Eles serán os encargados de transmitir aos mozos e mozas as claves para chegar a ser un líder, e orientalos no seu camiño.5

O programa estrutúrase en dúas fases. A primeira delas prolóngase ata o 30 de marzo, e inclúe o seminario “Liderar na xuventude. Motivación para o éxito” e os obradoiros “Sacar o máximo partido do meu estilo de comunicación”, “A xestión de emocións con intelixencia” e “A organización: sacando o máximo partido dos meus colaboradores e de min mesmo”. Tamén as actividades de outdoor training, a escoller entre karts, paintball ou golf.

Ese traballo individualizado é o que se realizará na segunda fase do programa. Só 25 dos participantes poderán acceder, e contar con mentores que os acompañarán na consecución dos seus obxectivos particulares, axudándolles a planificar os seus pasos. Estas sesións de coaching personalizado celebraranse entre o 8 de abril e o 6 de maio.

Recordemos que os participantes son mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos. Máis aló destes puntos en común, os seus perfís son moi variados.

Precisamente, as diferenzas nas súas procedencias é unha mostra clara do carácter transversal das habilidades e competencias que buscan adquirir no programa.

Onde si coinciden é nos motivos que os levaron a apuntarse a este Líderes de Futuro. Potenciar as súas habilidades comunicativas e abrirse portas no mercado laboral, foron os principais incentivos que os animaron a inscribirse.

Eles son os afortunados que estrean este ambicioso ‘Líderes de Futuro’ e que axudarán a medir o éxito desta nova aposta da Xunta de Galicia e da Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/02/repor_xuventude.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/02/repor_xuventude.mp4{/flowplayer}