A Audiencia de Pontevedra xa conta co visor do expediente xudicial electrónico

PONTEVEDRA> A audiencia provincial de Pontevedra foi o lugar escollido durante o mes de febreiro para pór a proba o visor do expediente xudicial electrónico. Unha ferramenta dentro do Plan Senda 2020 que pretende facilitar aos operadores xurídicos o acceso dende calquera lugar a toda a información referente a un expediente e que posteriormente se poderá ampliar tamén á cidadanía.

 

A Xunta implantará durante este ano o visor do expediente xudicial electrónico nos xulgados galegos despois da experiencia piloto que tivo lugar durante o mes de febreiro na Audiencia pontevedresa. Con esta ferramenta os profesionais da Administración de Xustiza poderán acceder a toda a información de calquera expediente xudicial en formato electrónico dende calquera lugar de forma convenientemente catalogada.

Os expedientes xudiciais abertos dende o 1 de xaneiro deste 2016 xa están sendo incluídos dentro do arquivo dixital para a súa consulta, unha acción que se enmarca dentro do Plan Senda 2020 e que busca avanzar cara o papel cero. A plataforma inclúe un buscador e un módulo de alarmas para o apoio da actividade do persoal.

Na presentación do visor encontrábase o vicepresidente da Xunta que aproveitou para explicar aos medios que o proceso de licitación da obra do novo edificio xudicial de A Parda está sendo retrasado debido ás empresas que presentaron ofertas que caen en baixa temeraria e que obrigan a estudalas con detemento; aínda que confía en que se os prazos de execución previstos se manteñan. Rueda tamén informou de que será o propio Mariano Rajoy quen presida o congreso provincial do PP o vindeiro 13 de marzo onde previsiblemente substituirá a Rafael Louzán como presidente provincial.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/02/rueda_expediente_electronico.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/02/rueda_expediente_electronico.mp4{/flowplayer}