PONTEVEDRA> A Xunta prestará asesoramento xurídico á Denominación de Orixe Rías Baixas sobre os aranceis dos Estados Unidos e o Brexit. Vaino facer a través dun conxunto de xornadas formativas. No sector recoñecen a súa preocupación. Dende Rías Baixas indican que as exportacións ós Estados Unidos xa se están vendo afectadas.
Os aranceis estadounideses e os posibles efectos do Brexit preoupan ó sector vitivinícola, pero tamén á Xunta. A Consellería do Medio rural vai organizar xornadas formativas nas diferentes denominacións de orixe para prestar asesoramento xurídico. Eses encontros servirán para poñer sobre a mesa as diferentes opcións que teñen os produtores para facerlle fronte a eses dous grandes retos.
O Conselleiro do Medio Rural aproveitou tamén para pedirlle ó Goberno Central cautela á hora de impoñer novas taxas a empresas tecnolóxicas dos Estados Unidos, porque -dixo- poden traer máis consecuencias para o sector.
En Rías Baixas, pola súa banda, recoñecen a súa preocupación ante un horizonte incerto. Indican que á D.O. vaille “razoablemente ben”, aínda que os aranceis de Trump xa se notan.
Na reunión do Conselleiro coa coa comisión permanente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas tamén se abordou a simplificación da tramitación da documentación das adegas. Un proxecto -di o conselleiro- pioneiro.
Por outra banda, no marco da Estratexia de Dinamización das Rexións do Viño, o Conselleiro destacou que se está a analiza-lo xeito de xerar dereitos para que se poidan seguir facendo plantacións de viñedo en Galicia. Algo, matizou, que terá que facer sempre da man dos consellos reguladores.