A Deputación acolle con interese a ampliación da estrada ás Paxareiras

    MUROS> O concello de Muros e a Deputación da Coruña buscarán fórmulas de colaboración para ampliar a estrada de Abelleira a Paxareiras. A alcaldesa muradá mantivo un encontro co presidente da administración provincial para plantexarlle a necesidade de incrementar o ancho desta vía altamente transitada. A Deputación da Coruña ten consignados catrocentos mil euros para a mellora da pavimentación da estrada que vai de Abelleira a Paxareiras, na parroquia muradá de Torea. Para o concello, a actuación é insuficiente posto que os veciños levan tempo demandando a ampliación desta vía que soporta un importante tránsito de vehículos, entre os que se inclúe o transporte escolar. Na xuntanza mantida hai unhas semanas, o presidente da Deputación amosou a boa disposición da entidade a buscar fórmulas de colaboración co concello para executar esta obra. Por esta razón, dende o executivo local xa iniciaron a identificación dos propietarios dos terreos situados á beira da vía.