A remodelación do porto de Palmeira abre a vila ó mar

RIBEIRA> A presidenta de Portos de Galicia visitou  o porto de Palmeira onde se está a desenvolver a primeira fase de remodelación da fachada marítima. Esta actuación, cun investimento de 700 mil euros, busca abrir a vila ó mar eliminando as barreiras visuais que existían ata o de agora.

A colaboración entre Portos de Galicia, o concello de Ribeira e a Fundación Ría permitiu que o anteproxecto realizado por esta última para a humanización da parroquia de Palmeira vaia tomando forma.

Na actualidade, están en marcha as obras de remodelación porto, na zona do paseo marítimo,  que afecta a un treito de 400 metros liñais.

Tras esta primeira fase, que previsiblemente estará concluída antes do verán, acometerase unha actuación na zona interior presupostada en 1’7 millóns de euros.