NOIA> O Conselleiro do Mar desprazouse a pasada tarde ata Noia para manter un encontro cos representantes da confraría. Trasladáronlle a necesidade de poder acceder a axudas compensatorias ante o peche anticipado da campaña previsto para este xoves.
Tal e como lle viñan demandando o patrón maior e o alcalde de Noia, o conselleiro do Mar trasladouse ata a localidade para manter un encontro cos representantes mariscadores e responsables municipais.
Durante a xuntanza, os técnicos da confraría expuxeron a difícil situación dos bancos trala mortaldade do 80 por cento do marisco provocada pola baixada da salinidade a raíz do desaugue da presa do Tambre. Non queda practicamente ameixa de talla comercial polo que mañá mesmo paralizarán a actividade extrativa.
O Conselleiro do Mar comprometeuse a propiciar unha reunión cos representantes de Naturgy para elaborar un protocolo de baleirado da presa que minimice o seu impacto sobre os bancos marisqueiros.
Por outra banda, Alfonso Villares expresou a disposición da Xunta a financiar unha parada temporal da actividade pero atendendo ás condicións que marca a entrada en vigor do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca que abre a porta non só ó marisqueo a flote senón tamén a pé. En paralelo, están á espera de que o goberno central publique o Real Decreto que regule as paradas definitivas e temporais para actualizar as contías por armador e tripulante.











