Ribeira promove cursos gratuítos de cociña para a formación da hostalería

RIBEIRA> A Escola de Hostalería de Ribeira organiza un ciclo formativo gratuíto para o sector hostaleiro da localidade. Será impartido polos recoñecidos chefs Kike Piñeiro e Eloy Cancela e constará dun total de oito cursos, de dez participantes cada un.

O concello de Ribeira organiza un plan de formación totalmente gratuíta para o sector hostaleiro da localidade que incluirá un total de oito cursos específicos para mellorar as capacidades dos profesionais que traballan neste sector. A través desta iniciativa o Concello impulsa novas accións destinadas a combater os efectos da covid no municipio.

Os encargados de impartir esta formación que se desenvolverá de decembro a abril serán os reputados chefs Kike Piñeiro e Eloy Cancela.

Os cursos serán realizados nas instalacións da escola de hostalería, situada no primeiro andar do edificio do mercado municipal. Entre as propostas a realizar atópanse: cociña para levar, elaboración de tapas ou alérxenos e propostas para novos hábitos alimentarios. Poden optar a estes cursos os profesionais da hostalería e a restauración que estean en activo, en ERTE ou en situación de desemprego.

As inscricións realizaranse unha por curso enviando un correo electrónico a eventosturismo@ribeira.gal. para máis información os interesados poden consultar a páxina web municipal: www.ribeira.gal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí