Unha vintena de comercios participan na X Feira de Noia Histórica

    NOIA> A décima Feira do comercio chegará a Noia esta fin de semana. Vinte e un establecementos comerciais instalarán os seus expositores nunha carpa instalada na alameda. Os clientes poderán optar a interesantes descontos para a liquidación dos artigos de tempada. Este é o décimo ano consecutivo que Noia Histórica organiza a Feira de Comercio que constitúe unha das súas actividades centrais da tempada de inverno xunto coa campaña de Nadal. Este venres ás cinco da tarde abrirá as portas a carpa instalada na alameda con vinte e un expositores dos máis variados sectores comerciais. O sábado a feira permanecerá aberta entre a dez e media da mañá e as nove e media da noite. O domingo manterase o horario de apertura e a clausura adiántase media hora, ás nove da noite. Dende a patronal local agardan contar co mesmo éxito de público e de vendas de anteriores edicións. Esta iniciativa comercial conta co apoio de Xunta, Deputación e o concello de Noia. A edil responsable de comercio agradeceu a aposta de Noia Histórica pola dinamización do comercio local polo que dende o executivo seguirán a colaborar estreitamente cos proxectos promovidos pola entidade. Este ano, por problemas de espazo, a feira non contará con ludoteca aínda que si ofrecerá actividades para os visitantes.