A POBRA> Aínda coa resaca do Carme dos Pincheiros, o concello da Pobra presentou xa o cartel das Festas do Nazareno que se celebrarán entre o 18 e o 21 de setembro. A cita central será o domingo coa tradicional procesión das mortallas que atraerá a miles de devotos ata o municipio.
A cita festiva con máis identidade da Pobra quenta motores. Queda aínda un mes para a celebración do Nazareno pero o arduo traballo da comisión de festas e o concello conseguiu pechar un cartel do máis ambicioso. Destacan as actuacións musicais de primeiro nivel que arrancarán xa o venres co concerto de ‘El último ke zierre’ que ofrecerá na Pobra a súa única actuación en Galicia.
O cartel musical complétase con orquestras da talla de París de Noia, Panorama ou América así como agrupacións tradicionais do máis laureadas como a banda de música do Rosal. O día grande volverá ser o domingo día 20 coa mutltiudinaria procesión das mortallas na que os ofrecidos sacarán os cadaleitos en sinal de agradecemento ó Divino Nazareno.
O peche dos festexos será o luns cun gran espectáculo de drons, fogos de artificio e acuático que dará comezo ás doce e cuarto da noite.











