‘Micronaves’ para emprendedores en Vilanova

    VILANOVA> Tralo éxito do seu viveiro de empresas, Vilanova dá un paso máis para fomentar o emprego. O concello está a traballar nun proxecto para a construción dun viveiro industrial no polígono de Baión, o primeiro destas características en Galicia. O plan contempla a construción de dez pequenas naves en terreo público, que se alugarían a prezos baixos aos emprendedores para que poidan arrancar a súa actividade. Unha proposta novidosa en Galicia.

     

    Vilanova ultima o proxecto para construír un viveiro industrial. 

    O viveiro ocuparía 1.100 metros cadrados da parcela de titularidade pública que o concello ten no polígono de Baión. Neste espazo construiríanse dez pequenas naves industriais, de entre 67 e 130 metros cadrados de superficie. Ademais, contarían cunha zona común de 200 metros cadrados, destinada a servizos compartidos.

    Para a construción deste viveiro, bautizado como “Viveiro Industrial Baión 1”, o concello precisa 300 mil euros. Agora ultiman o proxecto para optar á liña de axudas da Consellería de Industria.

    Segundo explicaron esta mañá, a orde da Consellería parte da proposta do concelleiro de promoción económica vilanovés. E é que o Partido Popular da vila xa contemplaba no seu programa electoral a construción deste viveiro industrial, que non ten réplica en Galicia.

    O alcalde tamén explicou que non haberá un límite de idade para acceder ás naves do futuro centro vilanovés. Tampouco se dirixirá a ningún sector en concreto. 

    En canto aos prazos, a intención do equipo de Gonzalo Durán é que estea en marcha antes de finais deste ano.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/04/vilanova_viveiro_industrial.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/04/vilanova_viveiro_industrial.mp4{/flowplayer}