MEIS> A vendima comeza a dar os seus primeiros pasos en O Salnés. Adegas que realizan elaboracións especiais xa arrincaron a recolecta dos acios de albariño. Aínda que o groso da campaña non se agarda ata a primeira semana de setembro, en Mar de Frades xa arrincaron a recollida para todos os seus viños, que se prolongará ata 20 días. A vendima xa está en marcha en Mar de Frades. A adega de Meis comezou a recoller a uva de numerosas fincas repartidas por toda a comarca de O Salnés, converténdose na adega máis madrugadora desta subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas. Coa uva que chega ás súas instalacións está no punto perfecto de maduración, cunha gradación alcohólica que se sitúa próxima aos 13 graos. Os primeiros acios que están a entrar estes días na adega, Mar de Frades elaborará dous dos seus viños especiais: o Finca Valiñas e o seu escumoso. Así as cousas, tamén están a recoller a uva para o seu buque insignia, o albariño Mar de Frades. Coa vendima xa en marcha, si que recoñecen estar sorprendidos pola contía de uva que están a recibir dos viticultores. Cifras que en ocasións superan ata nun 25% as previsións da adega. Sobre a campaña, Paula Fandiño cualificouna como sinxela. A ausencia de infeccións de mildeu facilitou as cousas para os viticultores que, pola contra, si que sufriron ataques de oidio e de mosquito verde.
Inicio Salnés - Caldas