O Fiscal rebaixa a cinco anos a petición de prisión polo dobre atropelo de A Torre

    VILAGARCÍA> Visto para sentenza o xuízo contra o vilagarcián acusado de intentar matar a dúas irmás co seu coche. O home negou que o atropelo fora intencionado, e defendeuse asegurando que o deslumbrara o sol. A Fiscalía rebaixou a petición de pena inicial dos 18 anos aos 10 por dous delitos de homicidio en grao de tentativa, contemplando o atenuante do trastorno mixto de personalidade que sofre o acusado.

     

    Case dous anos despois de atropelar a dúas irmás no barrio vilagarcián de A Torre, o responsable sentou na bancada dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra. Ante o tribunal, o home, tamén veciño de Vilagarcía, negou que o fixera con intención, buscando matar as dúas mulleres. Asegurou que o sol o cegou e non viu que colidía contra elas.

    Varios expertos rexeitaron a posibilidade de que a luz do sol afectara o seu campo de visión, e a versión do acusado non convenceu a Fiscalía nin a acusación particular. Ambos consideran a este vilagarcián responsable de dous delitos de homicido en grao de tentativa, e cren que o atropelo foi intencionado, buscando rematar coas súas vidas pola mala relación veciñal que tiña cunha delas. De feito, o 11 de xuño de 2011, día do suceso, o home estaba citado no xulgado para recoller unha orde de afastamento por ata tres agresións previas.

    Nas conclusións finais, o avogado da acusación reiterou a súa petición de 18 anos de cadea por dous delitos de homicidio en grao de tentativa. O Fiscal, pola súa banda, rebaixou a súa a 10 anos, despois de ter en conta o atenuante do trastorno mixto de personalidade que, segundo un psiquiatra que o tratou de xeito intermitente durante varios anos, padece, e que o fai actuar de xeito impulsivo. O xuízo quedou visto para sentenza.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/08/xuizo_atropelo_villa_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/02febreiro/08/xuizo_atropelo_villa.mp4{/flowplayer}